Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición na Viaxe da Mocidade 2016, que terá como destino Punta Umbría (Huelva) no mes de xullo


O Concello de Brión abre o prazo de inscrición na Viaxe da Mocidade de 2016, unha oportunidade única para que mozos e mozas brioneses de entre 18 e 35 anos de idade poidan gozar dunhas vacacións mentres coñecen outros lugares da xeografía nacional. A localidade escollida este verán é Punta Umbría, na provincia de Huelva, dende onde os 52 mozos e mozas participantes tamén se desprazarán por outros lugares de Andalucía occidental para coñecer os atractivos culturais e turísticos da zona.

A viaxe terá lugar entre o 25 e o 31 de xullo, con saída de Brión na noite do domingo 24 de xullo. O prezo da viaxe é de 220 euros e inclúe desprazamentos e estancia a media pensión (pernocta, almorzo e cea) no Albergue Inturjuven de Punta Umbría, ademais das saídas que se realicen durante a estancia. Un albergue a pé de praia con amplos espazos abertos, xardíns e terrazas fronte ao mar.

A preinscrición nesta edición das Viaxes da Mocidade, que se veñen celebrando dende o verán de 2007, estará aberta do 2 ao 31 de maio. Os interesados e interesadas poderán facela chamando ao teléfono 981 50 99 69, de luns a venres entre as 16:00 a 22:00 horas. e os sábados de 9:00 a 14:00 horas. Hai 52 dúas prazas dispoñibles para mozos e mozas de 18 a 35 anos de idade, con preferencia para os empadroados de Brión.